Justine Triet na escala de grises
Quen é esta directora que non deixa de saír nos medios e acaba de ser nominada aos Oscar? Triet leva anos reivindicando o cine e a súa potencia para o cambio social.
Bo día. Esta é a primeira carta que escribo no 2024 e xa estou desexando saber que opinas ti antes de enviala. Trata sobre cine e vida, á vez que recordo a Carmiña vacaloura e o primeiro xuízo hipermediático que aconteceu en España.
Mais o tema principal é a miña nova directora de referencia, de quen non quero deixar de descubrir cousas. Se non coñeces aínda a Justine Triet, convídote a buscar sobre ela ou ir ao cine ver Anatomía de una caída. Se o prefires, só acompáñame mentres falo sobre a súa obra.
Teño pensado un calendario máis estrito para manter viva a newsletter. Para unha entrevista (da que saberedes dentro de pouco) reflexionei sobre o tempo, sobre como facer malabares para compaxinar a creatividade co traballo de redacción. E sempre tiven un exemplo claro na casa, pois meu pai compaxinaba a docencia coas novelas.
Estou ilusionada pola cantidade de persoas que preguntastes por ela na ausencia. Pero estou aquí e non vou marchar. O xornal onde traballo pode testar tempo para escribir, pero sen dúbida alixeira a capacidade de teclear e dá ás para imaxinar e reflexionar, ambas as dúas.
Nunha entrevista para El Confidencial con Marta Medina, a autora do vademécum do feminismo dos noventa Sexual Personae, Camille Paglia, explicaba a evolución do papel social da muller como resultado da súa propia imposición ou reafirmación de poder. Entende o feminismo actual, pola contra, como un resultado das “tensións entre homes e mulleres” e fala mesmo da fraxilidade da identidade masculina.
“La identidad masculina es muy frágil; el feminismo ha cometido el gran error de dar por hecho que el hombre tiene el poder verdadero y que las mujeres no tienen nada, pero ¡no! Los hombres saben que las mujeres tienen todo el poder.”
Antes de nada: non vou internarme neste mar para o cal non dispoño de carta de navegación. Só veño inspirada por unha película para acudir na defensa das mulleres cuxas vidas privadas parecen continuos obxectos de estudo na gran pantalla.
Como sempre, a miña reacción primeira ao ver que os produtos culturais repiten unha manchea de estereotipos, sospeito. Precisamente, a maior oportunidade que ofrece un filme, unha obra de teatro ou un libro, entre outros, é a de saír da propia vida para profundar noutras. E por moito que valore a posibilidade de identificarse a través dos arquetipos, non todos os relatos deberían responder a eles. Pérdese toda a riqueza e complexidade da ficción.
Como me recordou Aida hai unhas semanas, non sempre se cumpre a afirmación categórica de Tolstoy ao comezo de Anna Karenina: “Todas las familias felices se parecen unas a otras, pero cada familia infeliz lo es a su manera”.
Así que, entroncando co que empecei, Camille Paglia levaba razón nesa afirmación de que “o mundo é unha selva” e por tanto todos temos responsabilidade como individuos. O cine de Justine Triet, recén nominada aos Oscar, recórdanos que as personaxes femininas, por suposto, están atravesadas polas cuestións sociais da actualidade, polas cargas e imposicións do patriarcado, mais tamén por algo máis: porque agora se lles pide ter que actuar como adalides do feminismo, coas obrigas e moralismos que isto adoita implicar. Gustoume moito a frase dunha avogada nun dos seus filmes: “Soy feminista, por eso no creo que usted solo pueda ser una víctima”.
A cineasta, como outras moitas cabezas pensantes da cultura que admiro e disfruto, ofrécenos un transfondo propio do século XXI nas súas personaxes. Son ambiguas, auténticas, e permiten que o espectador as coñeza en toda a súa calidade humana e máis con todos os seus defectos. Nin nas escenas de xuízos hai víctimas e victimarios; hai toda unha gama de grises.
“Durante mucho tiempo, cuando veía películas, pensaba que era el niño, me identificaba con el papel masculino. Hoy tengo claro que necesitamos historias hechas por mujeres, dirigidas por mujeres, juzgadas por mujeres. Todavía estamos muy lejos de la paridad”
Justine Triet
Facía falta algo así, ou polo menos a min facíame falta para reconciliarme con certos produtos culturais. Levo tempo vagando entre ensaios e novelas, a miúdo narrados en primeira persoa, que conducen ao espectador pola narrativa, da manciña, para que non se perda.
E é que, antes desta película que acaba de ser nominada aos premios Oscar, Triet xa fora acadando a fama internacional e movéndose bastante ben na ambigüidade: dende as salas comerciais ata os festivais de cine. En Victoria, o conxunto de accións vaise desenvolvendo en torno a un feito crucial que daría para outro relato enteiro. A investigación dun suceso criminal remata nun xuízo híper mediático que á vez convida á crítica feminista.
A súa película máis afamada antes de Anatomía de una caida foi La batalla del Solferino, dispoñible en Filmin, a cal confirmou a súa calidade como cineasta social nun formato bastante curto e filmado en plano secuencia. Pero toda a filmografía de Triet parece quedar recollida ou culminar no último thriller Anatomía de una caida.
Cine para a transformación do eu
Novamente estamos ante o seu tándem de personaxes femininos con claroescuros, perspectiva feminista, e unha loita visible contra a ollada heteropatriarcal dos feitos, que por unha vez representará a alteridade ou a outredade.
“El cine debe contribuir a la revolución social feminista”, dixo a directora nunha entrevista para Esquire. Nesta ocasión, é a xustiza quen representa esta ollada e mesmo deixa algunhas anécdotas: Triet rise de quen só é capaz de entender as dinámicas de parella dende unha óptica reduccionista, de quen pensa que se pode aplicar calquera teoría á vida privada das persoas.
(SPOILER ALERT)
Cando morre o marido, e hai un xuízo por posible homicidio, Sandra Hüller ten que enfrentarse á exposición da súa intimidade e ao xuízo da mesma. Ela, como as personaxes do resto da filmografía de Triet, ten claroescuros: ten amantes, bebe alcohol, non é unha nai omnipresente... é como calquera muller.
Sandra Hüller interpreta a unha muller real, con aspiracións e supostos problemas na asunción de responsabilidades, con actuacións egoístas que desembocaron no pasado problemas de parella, e aínda así merecedora dunha defensa xusta, neste caso proporcionada por un amigo co quen se deixa entrever que pode haber algún lazo sentimental. Triet permítenos ver ás súas protagonistas espidas, con toda a súa vagaxe e os seus comporamentos máis e menos aceptables moralmente.
Aínda así, as preguntas sesgadas formuladas pola acusación a miúdo responden a preconceitos e argumentos que nos retrotraen a supostas guerras entre os sexos que non caben por estas alturas para construír sociedades iguais entre mulleres e homes.
Eu non deixaba de pensar en Dolores Vázquez, quen fora inxustamente acusada do asasinato de Rocío Wanninkhof nos 90 e se convertera no primeiro caso de xuízo mediático ou paralelo no que os xornalistas deron renda solta aos prexuízos, a homofobia e as ansias por crear conflitos e buscar culpables.
Reminiscencias de Patricia Highsmith
Un dos talentos de Highsmith é introducir o irracional e extraordinario, as situacións límite e os acontecementos máis macabros no cotián. Sitúa as súas personaxes nun marco que non sempre pode considerarse moral.
E aínda así consegue que o espectador empatice ao tempo que condea os actos. Dela mesma, como persoa, dinse moitas cousas. Fálase dun carácter tosco, ermitaño, da súa ambigüidade.
Volvendo á película, cando morre o home que dá inicio a toda a trama, estaba escoitando en bucle a versión instrumental dun tema de 50 cents. “É unha canción con letras extremadamente misóxinas”, acusa un fiscal. A avogada defensora responde, sen darlle importancia: “É unha versión instrumental”. Por iso, esta agresión constante e a teima en buscar os problemas internos da parella deixa entrever que quen realmente continúa buscando esa loita dos sexos é quen menos interese ten na resolución do conflito.
Ela é inocente. Pero aínda que non o fose, o xuízo mediático encargouse de situala nunha posición da que nin ela nin seu fillo poderán sentirse cómodos.
Recomendacións
Desta vez non son do mes porque chegan tarde e algunhas teñen data.
O Cineclube Pontevedra, que celebra a súa actividade no Teatro Principal, ten unha programación do máis variada e interesante e os prezos son populares. O martes, día 30, proxectan Fallen Leaves, na última sesión do mes. Están pendentes de publicar as sesións de febreiro.
Se queres introducirte no mundo de Highsmith máis aló de clásicos como Extraños en un tren e El talento de Mr. Ripley, recomendo encarecidamente os recentemente editados en castelán Diarios y cuadernos, publicado por Anagrama, e Relatos, da mesma editorial.
A xornalista Vanesa Vázquez vén de publicar o artigo "Carmiña Vacaloura. A psicodelia do Xabarín revive en Inglaterra” en Vinte na Praza, texto que para min foi a curiosidade do mes. O certo é que a banda británica Sugar Darling tomou prestados os acordes do líder de Siniestro Total que tantos pesadelos nos provocaron aos nenos dos 90 para un tema propio. Vázquez da conta de como xurdiu neste artigo: https://vinte.praza.gal/artigo/carmina-vacaloura-a-psicodelia-do-xabarin-revive-en-inglaterra
Por se non o sabías, A Mesa lanzou a Iniciativa Xabarín hai máis de 3 anos, que foi aprobada no Parlamento galego por unanimidade. Fomos máis de 33.000 persoas as asinantes para a recuperación deste espazo tan necesario. Voltou enforma dunha nova plataforma dixital que incorpora xa 1400 contidos en galego procedentes da TVG. Podes ver os contidos de debuxos a través de xabarín.gal, ademais da aplicación, e a través da plataforma agalega.gal tamén podes atopar contidos como a serie documental Nosoutras, dirixida por Amara Fontao e Andrés Mahía e presentada pola actriz Isabel Garrido. É un produto feito con agarimo e meticulosidade, que non deixa de ter sorna á hora de contar a historia de varias referentes culturais galegas.