Aura na era dixital ou Número #8
O medo a perder a aura
O debate sobre a suposta perda da autenticidade cando calquera obxecto (mesmo artístico) se pode reproducir innumerables veces ven de lonxe, e a consolidación do deseño de produto, a cartelaría e a fotografía permitiron aplanar o terreo para o debate remasterizado.
O ready-made naceu (teoricamente) con Duchamp e o movemento Dadaísta hai máis dun século, pero como a boa arquitectura e o bo deseño, segue ben vixente. Sen ir máis lonxe, Suso Fandiño expón no CGAC de Santiago a súa obra máis recente, Wunderkammer, ata o vindeiro 15 de maio. Consiste nun percorrido de arte conceptual creada a partir de obxectos preexistentes, procedentes da fabricación en masa.
En la época de la reproducción técnica de la obra de arte lo que se atrofia es el aura de ésta. Walter Benjamin.
Hai dous ou tres anos vin unha desas exposicións ao aire libre que se continúan facendo no porto da Coruña, sinxelas, que consistía nunha serie de paneis con fotografías de arquivo acompañadas con poesías de escritoras galegas contemporáneas. Mentiría se dixese que non pasei un par de días buscando en internet a ver se atopaba cal era esa exposición, pero non lembro máis có nome dalgunhas poetas e nin sequera autoría das fotografías nin as localizacións. Sóanme Marta Dacosta, Olga Novo, Yolanda Castaño e outros nomes recoñecidos da poesía galega contemporánea (coincidente co grupo da Poesía dos 90). En fin, que con este recordo tan impreciso puiden telo soñado perfectamente. Ogallá alguén que lea esta carta saiba darme algún dato máis para compartir o nome da escolla fotográfica ou o da persoa que a comisariou.
Eran grupos de persoas de distintas aldeas de toda Galicia e por vez primeira facíanlles unha fotografía. A cara, porén, era de susto. Pregúntome se terían medo de que unha parte deles puidese quedar capturada e prendida dentro da cámara.
Cando vin a exposición pensei moito, e creo que cheguei a escribir sobre isto nalgunha ocasión, nun terror que pasou por varias xeracións da miña familia por parte de nai, que sempre foi consciente da importancia da propia imaxe. Teño oído de varias persoas da familia o medo a morrer e a deixar atrás álbumes de fotografías que acaben á venda en feiras de segunda man.
Faime graza pensar no despreocupada que son eu, e que somos moitos e moitas, coa nosa imaxe, na facilidade coa que posamos para un dispositivo mesmo cando non se trata dunha ocasión especial. Cantas das nosas imaxes poden estar xa "á venda en mercados de segunda man" por internet, e iso que seguimos con vida... Deberiamos ter medo de que quede capturada unha parte de nós?
Joana Moll (Barcelona, 1992) é unha artista actualmente instalada en Berlín que investiga sobre narrativas poscapitalistas, novos escenarios dixitais e Big Data.
Souben desta artista grazas ao Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB), onde agora mesmo está exhibindo a súa instalación Especies inanimadas ata o 28 de abril. Reflexiona sobre a perda acelerada da biodiversidade e na culpa que teñen as novas tecnoloxías e o tecnocapitalismo como axentes destrutores.
Xunto cun grupo de hacker-activistas, 0 Tactical Tech, creou a intervención virtual "The dating brokers", á que che recomendo botar un ollo. No ano 2017, Moll mercou o acceso a 1 millón de perfís de aplicacións de citas polo prezo de 136€ en USDate, unha empresa que xoga con distintas aplicacións de citas a nivel global. Como varias aplicacións e programas dos que nos falaron na aula sobre intelixencia artificial aplicada á xestión da cultura, USDate emprega o data remix, unha técnica de mistura de grandes cantidades de datos de distintas fontes para extraer patróns de comportamento. É o método máis habitual a día de hoxe no funcionamento da AI, a recolección de datos e a asociación de patróns para categorizalos.
Co que comentei máis arriba de "mercar un perfil" refírome a toda a información nel contida e nas contas asociadas a el: nomes, imaxes, sexo, idade e máis datos sobre a persoa exhaustivos que resultan realmente aterradores, porque precisamente é o que permite achegarse á intención de uso e consumo da persoa: coñecela.
Así que para crear conciencia sobre isto, o colectivo Tactical Tech e a artista Joana Moll decidiron expoñer a estas persoas que mercaron (preservando as súas identidades porque a intención era amosar o que podería acontecer, non facelo real) mediante unha intervención artística chamada The virtual watchers. E este é só un exemplo dos moitos proxectos críticos da artista e investigadora barcelonesa, que intenta poñer o foco sobre a parte escura do Big data e da intelixencia artificial (AI).
Las soluciones tecnológicas a menudo obvian la complejidad de los problemas sistémicos con los que se enfrentan
Joana Moll
A economía da atención
A economía da atención é o nome que, de forma crítica, se dá á nova forma de deseñar as tecnoloxías para explotar ou sacar o máximo posible dos usuarios: o seu tempo, os seus datos, os seus cartos.
Se podo prestar axuda nalgo, como xornalista, e tamén porque a diario estou aprendendo como funcionan aplicacións como o Wow, Google Analytics ou Firebase, gustaríame suxerirche un par de mudanzas que poden cambiar a túa experiencia como usuario ou usuaria de redes sociais. E se xa sabías isto, pido perdón de anteman.
Primeiro de todo, que recordes que isto é como as discotecas nas que as mulleres non pagan igual cós homes: se non pagas, é que o produto es ti. E coa información e coas apps que prestan calquera servizo acontece o mesmo, que pagas cos teus datos... Agás subscribíndote a esta newsletter, que nunca che dará problemas!
E por último que Twitter, onde habitualmente lemos noticias, información de última hora e accedemos a artigos de interese, ofrece dúas opcións na configuración do teu timeline: recomendo que sempre -ás veces desconfigúrase co tempo e tes que ir comprobando isto- deixes a páxina de inicio actualizada cos tuits máis recentes, non co contido destacado ou "máis interesante". Se o pensas, quen está a considerar o que che interesa máis ou menos son esas empresas de datos que fornecen a Twitter co que saben de ti.
Recomendacións da semana
Aprender a rezar na era da tecnica, de Gonçalo M. Tavares (2007) das editoriais Caminho e Companhia das Letras, en distintas edicións).
Nado en Luanda en 1970, Tavares foi galardoado co Premio Saramago, así como o Mellor Libro Estranxeiro publicado en Francia, entre outras distincións. Nesta novela trata sobre como a tecnoloxía acaba por substituír o divino, e como todo aquilo no que acreditamos agora resulta ser igualmente fráxil e efémero có de sempre.
Que teñen en común as anteriores imaxes?
La máscara nunca miente, exposición no CCCB ata o día 1 de maio. Comisariada por Servando Rocha, quen escribiu o ensaio Algunas cosas oscuras y peligrosas. El libro de los enmascarados, a exhibición aborda o emprego de máscaras (metafóricas e reais) no mundo moderno, así como as súas implicacións éticas, todo o relacionado coa propia identidade e o dominio da mesma.
Las máscaras sirven para comunicarnos con lo invisible, pero también poseen un componente subversivo y clandestino. Bajo estas, al amparo de lo no visto, nuestra identidad queda en secreto y somos capaces de hacer realidad nuestros deseos más prohibidos con cierta seguridad
E isto sería todo por hoxe. Grazas por lerme unha vez máis e agardo que aprendeses e te entretiveses. Fun collendo ideas ao longo das semanas, mentres ordeno, clasifico e creo UTMs no ordenador da redacción. Ás veces doume conta de que levo dez minutos facendo unha tarefa de maneira mecánica e coa cabeza moi lonxe. Asústome cando me decato, pero por sorte cando reviso a tarefa está ben. Non é economía da atención, pero economizas tempo mentres prestas atención a dúas cousas á vez.
Lémonos en dúas semanas, felices vacacións e se tes algunha pista sobre a exposición da Coruña, non dubides en facermo saber. Gustaríame poder atribuíla. O meu correo e as miñas redes están sempre abertas.
Gala.