Flash fiction ou Número #6
Que é flash fiction?
Para introducirte no mundo dos formatos micro, primeiro déixame dicirche que esta carta foi escrita case integramente dende o teléfono, en momentos que tiven soltos ao longo da semana. Pido disculpas porque non tiven tempo de revisar o que escribín nin sei se ten coherencia nin calidade. É indicativo dos tempos, do que estou a sentir e da vixencia do xénero do que che vou falar hoxe.
Son moi positiva con internet e cos usos das tecnoloxías, doutro xeito non estaría escribindo unha newsletter semanal, pero hai que empregalas todas con cabeciña e non creo que esta forma de escribir, por moito que cambien os formatos, sexa a máis indicada.
En fin, supoño que xa coñeces a Manuel Bartual, o plasta de Twitter. O que fai el é flash fiction. Flash fiction é o nome dun xénero literario relativamente recente que se caracteriza pola brevidade extrema (máis aínda ca o micro relato). Existen diferentes modalidades, que veremos a continuación, centrándonos na six word story.
Canta máis présa, máis calma
Dos tipos de flash fiction máis recoñecidos e máis breves son as six words stories. Trátase de historias levadas a súa mínima expresión. Si, seis palabras só.
Este tipo de narracións mínimas orixináronse a mediados do pasado século, nos Estados Unidos. Están moi relacionadas coa prensa, que era un axente democratizador da publicación de historias a un custo baixo (para o lector, para a prensa e para o autor). Xa sabemos que séculos antes tivera un papel relevante o xornal na distribución da novela por fascículos, pero as manifestacións de flash fiction deron un paso máis aló.
Esta clase de relatos breves ten a súa orixe no mundo anglosaxón, onde continúan a ser moi populares todos os xéneros micro. Un dos máis famosos relatos de seis palabras apareceu por vez primeira hai uns cen anos, no Toronto Daily. Atribúese moitas veces a Hemingway, se ben non hai ningún indicio claro de que el o escribise:
“For sale, Baby shoes, Never Worn.”
En The Poetics of Six-Word Stories, o profesor e narratólogo David Fishelov explica por que é un xénero en si mesmo esta modalidade. Identificaba, así, as súas principais características como:
Información tácita, non explícita
Estrutura rítmica
Realismo
Formato contaxioso. Pasaba o mesmo co poema de Joe Brainard que che contaba a pasada semana. Por se non tiveches ocasión de lerme: https://www.getrevue.co/profile/galadacosta/issues/anne-charlotte-robertson-arte-e-terapia-ou-numero-5-1054073
Xénero predominantemente anglosaxón
***
Creo que ten moito que ver cono este formato curto e con esta vida express o auxe das series. Por que triúnfan as series? Porque o cine expulsa despois de ver o filme. Bótanos como por un vomitorio, de volta á realidade. O mesmo coas novelas. Desa sensación de enganche, de querer permanecer por máis tempo nun mundo ficcional, nace a aficción (adicción) ás series.
Di Víctor Sampedro, autor de Dietética digital, que a tecnoloxía causa adicción por deseño. Que estamos sós, a diario faltan espazos sociais nos que compartir o que vivimos e sentimos e no que cremos. A rede prometía ser un lugar virtual onde fomentar a diversidade e o respecto, pero actualmente está pragada de odio, de bots e de noticias falsas.
No seu libro, Sampedro recolle a necesidade de volver aos círculos de proximidade, de reducir o consumo e a produción para comercialización das cousas, incluída a cultura. Penso moito no xornalismo neste senso, e tamén reflexiona el moito sobre isto. Ademais, faino con gran humor: reivindica a sátira, co moito que a min me gusta.
Aquí déixoche un Twitch máis ca recomendable que fixo con Pandemia digital hai apenas uns días. Chámase 11M, la mayor campaña de fake news de la historia. Dixo que se sentiu máis cómodo ca en ningunha entrevista que fixera xamais: https://www.twitch.tv/pandemiadigital/video/1425617094
No verán do 2017, The New Yorker comezou a colgar flash fiction online. Máis tarde decidiron compilalos tofos, igual ca levan facendo dende o século pasado co relato curto.
Daquela, todos os exemplos de microrrelato son do mundo anglosaxón? Na actualidade isto non é certo. Se estivese máis lúcida quizais tentaría ligar o fenómeno flash fiction con internet como axende globalizador.
Sabemos que, por unha banda, internet posibilita a comunicación en moitas linguas porque chega a meirande parte dos recunchos. Pero por outra, máis da metade dos contidos da Wide Web están en inglés, seguido de perto do chinés, o español, o árabe e o portugués. E a miúdo o resto das linguas imos ao ralentí do inglés, do que se fai en inglés. Non creo que sexa sempre malo isto nin que nos arrebate autencidade, pero teño conversado cun tradutor e explicábame que, ao pasar un texto xenérico do inglés ao español, este medraba de media unhas catro liñas. Pasáballe sempre.
A artista visual e escritora islandesa Erla Haraldsdottir escribiu My mother's dream hai tres anos. Ao inicio foi un proxecto familiar, persoal, que publicou en Islandia e se converteu nun éxito inesperado no seu país. Para maior asombro da familia, unha editorial sueca interesouse polo libro.
Göteborgstryckeriet dedícase a publicar edicións coidadas e moi diferentes, cun deseño estudado ao pormenor. A delicadeza e sensibilidade de My mother's dream traducido do islandés amosa unha vontade por achegar esta obra a moitos máis lectores e lectoras á literatura de Islandia.
Nunha ocasión asistín no Chan da pólvora a unha conferencia de Elías Portela, tradutor e poeta nado en Cangas que leva o alcume de Elias Knörr. Contou que o islandés é propicio para a poesía pola musicalidade das palabras, que son moi longas pero son boas para narrativas curtas. Escribiu un libro (do que non me lembro) traducido de maneira simultánea e era posible ver como a cuestión da extensión que unha vez me comentaron é certa. Cada lingua parece que é máis propensa a escribila nun formato, e a miña tese aquí é que o inglés se adapta ás frases curtas, aos textos xornalísticos e aos microrrelatos.
Tamén quixen buscar exemplos de flash ficiton da terra, pero non puiden dar con eles. Quere dicir isto que aquí imos ao ralentí? Quen escribe formatos micro galego? Coñezo a persoas moi válidas que en Twitter fan xenialidades, tamén é todo un fenómeno o dos Relatos de verán. Somos as propias lectoras e lectores quen enviamos os nosos contiños a La Voz. Eu téñoo feito de pequena e conservo o exemplar con moito agarimo.
Aquí a sección no New Yorker: https://www.newyorker.com/books/flash-fiction e aquí en La Voz: https://www.lavozdegalicia.es/temas/relatos-de-veran/
Exemplos na world wide web
O acceso a rede permitiu que moitos usuarios e usuarias fagan proveito da súa imaxinación e compartan as súas creacións de Flash fiction e doutras cousas semellantes.
Practicamente ao inicio da World Wide Web naceu a revista dixital Smokelong Quarterly, estadounidense, que fundou no ano 2003 Dave Clapper. Aínda a día de hoxe, se ben non ten a mesma orixinalidade e xenuinidade ca daquela, ofrece un espazo para novelistas con experiencia e tamén amateurs. https://www.smokelong.com/
Pouco desposo seguírona a Flash Fiction Online e a Flash Fiction Magazine. https://www.flashfictiononline.com/ e https://flashfictionmagazine.com/
Recomendacións da semana
Hai uns dez días tivo lugar a apertura da Semana do cinema galego. Celebrouse no Teatro Colón da Coruña e por el pasaron unha morea de produtores e artistas do audiovisual galego. Foi notoria a presentación d'A virxe roxa, de Marcos Nine.
A película, dispoñible en Filmin, conta a historia de Hildegart Romero e Aurora Carballeira que merece moito máis ca un parágrafo. Quixera falar por extenso destas dúas mulleres. Se non as coñeces aínda, recoméndoche encarecidamente que comeces a investigar en internet. Ademais, non podo deixar de comentar que este suceso xa o tratou hai anos Henrique Dacosta (papá) en Entrada ao Xardín do Saber, da editorial Redelibros. Nesta novela mistúranse a investigación do caso, a presenza de Vicente Risco e o relato deste crime terrible que sacudiu a Galicia da República. Penso que non hai o suficiente coñecemento deste episodio por parte da xente en xeral, eu tiven ocasión de ver unha adaptación ao teatro sendo pequena e deixoume impresionada.
Son as protagonistas dúas mulleres fascinantes de Ferrol que nos anos 30 fixeron cousas impensables, para ben e para mal.
Autora de El problema sexual tratado por una mujer española, grande pensadora e muller da política con apenas dezaoito anos e nena prodixio, Hildegart foi concibida por súa nai, que quixo ser nai solteira, e a súa existencia foi de comezo a fin un proxecto ideado por Aurora Rodríguez Carballeira. É esta unha historia real de brillantez, feminismo, loucura e unha versión real e chea de tebras de Frankestein ou o moderno prometeo.
A novela Entrada ao xardín do saber pódela atopar en librarías, aquí che deixo máis información da man de Armando Requeixo en Criticalia, o seu máis ca recomendable blog de crítica literaria: https://armandorequeixo.wordpress.com/tag/entrada-ao-xardin-do-saber/
Cuentos completos de Truman Capote é o título co que se comercializa en España un libro que adorei do autor americano, faino da man da editorial Anagrama. Tamén o hai en inglés, The early stories of Truman Capote, nome que encontro máis suxerente posto que era un adolescente cando escribiu estes relatos. E xa era un xenio.
Eu merquei o libro de segunda man en Lisboa hai catro anos, non atopaba un orixinal e o meu é en portugués, pero hai versións en todas as linguas. Recoméndocho porque este é o tipo de escrita xornalística, directa, á que me referín toda esta carta. E porque é Truman Capote e hai que lelo.
Os seres queridos, de Berta Dávila. É a novidade editorial de Xerais para adultos. Estou desexando lela, seica en Barcelona hai versión en castelán e por iso vou agardar. Máis información aquí: https://www.xerais.gal/libro.php?id=6905859
"Este libro non é para quen considere que dúas liñas coloreadas nunha proba de embarazo son un asunto menos substancial ca unha ferida de guerra, unha bandeira soterrada ou un avión de combate".
Grazas por lerme unha semana máis, agardo que disfrutases e que aprendeses como eu o fago escribindo esta newsletter. Mándoche unha aperta, ata a vindeira semana.