Bo día! Comeza outra semana de abafo sobre o asfalto, pero animada e ilusionada por todo o que está por vir. Agardo o mesmo para ti e coa mesma procedo a contarche o tema desta semana. Levo tanto tempo no centro de Barcelona que ás veces esquezo que hai vida máis aló. É algo que ocorre cando estás inemersa na rutina dun lugar concreto, é igual que sexa pequeno ou grande. As cidades, en xeral, teñen ese aquel envolvente, pero si que é certo que a extensión ten un papel importante á hora de crear un mundo en si mesmo.Na carta de hoxe fáloche sobre cidades: cidades que xa existen, cidades que saíron da cabeza dalguén e non chegaron a materializarse nunca nun plano urbanístico, cidades adoradas polos artistas, cidades que están morrendo porque desaparece o concepto de cidade tal e como a coñecemos.Na literatura, na música e no cinema, a cidade adquire as máis das veces características humanas. Convírtese nunha personaxe máis no caso da narrativa contemporánea, pois nos seus escenarios cun carácter e cunha personalidade propios, desenvólvense a práctica totalidade das actividades e as relacións humanas. Por exemplo Lisboa, din moitos, é cidade con alma de muller. Supoño que se refiren ao estereotipo de muller romántica, con altos e baixos como as penas de Lisboa, cálida e apacible malia todo. Con misterio, profunda e sensible. Na cultura de masas enténdese como unha oportunidade de explotación que unha cidade acade certa fama ou status. Grazas a isto, acaba por se converter nunha marca, como aconteceu xa con Londres a finais dos 90 e pasa agora con Barcelona, por exemplo. Explótanse aqueles eidos económicos que poidan potenciar o turismo ou a atracción cara o produto que a cidade xenere. Entre eses ámbitos inclúense monumentos, personaxes famosas, música, cinema, literatura sobre a cidade e outros emblemas como gastronomía, patrimonio inmaterial de distintas clases ou relación con acontecementos históricos.Hai tempo que creo que as guías de viaxes son unha cousa moi difícil de facer porque requiren un intento de obxectivar o que é unha experiencia a todas luces subxectiva. Por iso, os produtos culturais xa funcionan como un substitutivo das guías de viaxes, pois por si mesmos dan ganas de viaxar. Pásame isto vendo El Padrino e lendo Viajes con Heródoto. Neste último, o galardoado co Príncipe Asturias das Letras chega a afirmar que o libro de Heródoto pode e débese considerar como a primeira gran reportaxe da literatura universal.A cidade considérase o emblema do avance e do progreso. Dende a literatura maniféstanse moitas e variadas representacións do que significan hoxe as cidades, e a min interésame particularmente o punto no que comezou a considerarse un escenario hostil, unha fonte de enaxenación e de dilución da ética e dos valores.Finalizado o proceso de éxodo rural, a narrativa en torno ao escenario urbano consolídase sobre os anos 60 en Europa. Comeza tamén unha narrativa da violencia e unha revisión das ideas de progreso, diversidade e igualdade de oportunidades.Podería falar da brillante, romántica e inesquecible Nada, de Carmen Laforet, que lin nada máis cheguei a Barcelona e me axudou a coñecer como foi esta cidade na posguerra. Poderíache falar de como me fixo soñar de adolescente La sombra del viento, de Carlos Ruiz Zafón, quen maxistralmente fixo reflexionar á opinión pública sobre os prexuízos que aínda existen cara os best sellers; sobre o moito que rin (eu nunca río en alto lendo libros, pero neste caso prometo que é inevitable) con Eduardo Mendoza e o seu Sin noticias de Gurb, así como con La aventura del tocador de señoras e toda a saga detactivesca da torpe personaxe barcelonesa a quen nunca puxo nome. Pero prefiro centrarme noutras ideas: na descrición irónica e mordaz dunha Barcelona en decadencia, concretamente do barrio do Raval, adivíñase xa a intención crítica, a cidade entendida como elemento de organización territorial en declive. Lin nunha noticia a semana pasada que a metade de Nova Iork está baleiro, que unha alta porcentaxe das vivendas de luxo nunca tiveron intención de se habitar: funcionan como un recurso especulativo para as persoas coas rendas máis elevadas. Un proceso semellante estase vendo aquí tamén, sempre ao ralentí, por sorte neste caso. Unha entende entón por que autores e autoras comezaron a imaxinar futuros distópicos a partir do crecemento desmesurado das cidades. Sempre é un exercicio máis doado deixarse levar polo pensamento negativo, pero é verdade que neste proceso de desaloxo das cidades, quen pode marcha a unha urbanización ou ás aforas, como xa acontecía no Nova York das películas de metade do século pasado (o que eles chaman suburbs, sen a connotación negativa que ten aquí). Os comercios perden sentido nunha cidade co auxe das compras online, xa non responden ás necesidades da poboación. E sen comercio, non se entende tampouco a existencia dun "centro" da cidade, onde se aglomeraban a actividade económica e os servizos. Todo isto desprazouse ás aforas hai anos, e cos servizos fóra do centro, mudou a relación socioeconómica das persoas coa cidade, que canto máis lonxe, máis estatus económico posúen. E se é en edificacións separadas, en vivendas unifamiliares, mellor. Nas cidades quedarán os estratos "marxinais", parece querer indicar todo, aquelas persoas que se verán obrigadas a vivir nas denominadas chabolas verticais, nas que por primeira vez reparei en tempos de Covid. Coa aglomeración de xente de distintas orixes e con diversos intereses compartindo -que non convivindo- un mesmo espazo, a insalubridade aumenta, a vida de barrio dispérsase... Ou non de todo. Aparecen partes das cidades que nacen desa condición de pobreza e marxinalización: villamiserias na Arxentina, favelas en Río, chabolas en España...Como espazo vivido, a cidade acaba sendo unha construcción cultural e social. Somos os habitantes quen damos carácter ás cidades ou elas dánolo a nós? As autoras e autores acaban voltando sempre a un lugar concreto, normalmente xa coñecido. Tamén poden imaxinalo a medias, como García Márquez ou Muñoz Molina, que outorgaban outro nome ao lugar que os inspirou para a súa obra. Así, Macondo é realmente a poboación natal do escritor colombiano, e a Mágina de Muñoz Molina é realmente Úbeda, na provincia de Jaén.No caso galego temos a Celso Emilio namorado de Celanova, Antón Tovar de Santiago e, cousa curiosa, a partir de finais de século moitos autores atoparon en Vigo ese escenario para narrativa en prosa equiparable ás grandes cidades das novelas contemporáneas universais. Santiago simboliza a tradición e poesía, Vigo a actualidade, o caos, a vida moderna e a beleza malia a hostilidade.Por poñer un exemplo de narrativa actual ambientada en Vigo, déixoche un fragmento que me encanta d'Os fillos do lume, novela de Pedro Feijoo:"Quéreme, seino, pero non esquezo que tamén está namorado dela. Cando non pode durmir, ás veces érguese e, sen facer ruído, desaparece. Baixa á rúa, e corre na súa procura. Sae, e camiña en silencio rúa abaixo, as mans afundidas nos petos do pantalón. Pérdese na escuridade sen dicir nada, como sen rumbo, ata que por fin se detén, fronte a un dos vellos edificios. Ante unha casa antiga. Ante un portal sen placas de ningún tipo. Ante un recuncho esquecido. Vinos moitas veces desde a distancia, falándose sen dicírense nada. Coma se ambos se acariñasen en silencio e, despois, el regresa á casa. Simón está namorado da cidade, e nela busca acubillo e consello cando ninguén máis llos pode dar. El cre que non o sei, pero eu coñezo o seu segredo."
Cidades reais e imaxinarias ou Número #11